Friday 03 de May de 2024

A Xunta defende a responsabilidade das administracións públicas para garantir a protección do medio ambiente


A directora da Escola Galega de Administración Pública Sonia Rodríguez-Campos, asistiu hoxe á inauguración do Congreso ´Dereito ambiental para unha economía verde` na Coruña

A directora da Escola de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, asistiu á inauguración do Congreso ´Dereito ambiental para unha economía verde`,onde defendeu a responsabilidade das administracións públicas para garantir a protección do medio ambiente.

Durante a inauguración, a directora da EGAP destacou a importancia deste Congreso “para analizar en profundidade un tema que, nas últimas décadas, suscitou un gran interese en todas as sociedades desenvolvidas e que, como consecuencia inevitable, tivo unha elevada incidencia nas políticas públicas”. Neste sentido, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que “todos estes factores evidenciaron a necesidade dunha disciplina ambiental eficaz que axude a impulsar un comportamento socialmente responsable en todos os axentes económicos”.

Para a directora da EGAP, a idea dunha ´economía verde` penetrou de forma incesante tanto na sociedade e nos seus diversos ámbitos de actuación, “onde non debemos esquecer a súa interesantísima aplicación no eido urbanístico ou territorial, como tamén nas políticas públicas levadas a cabo polos gobernos, preocupados polo desenvolvemento sustentable a través da reorientación dos investimentos de recursos públicos”.

Sonia Rodríguez-Campos destacou que a protección do medio adquiriu o rango de función pública esencial, o que xustifica a intervención das nosas administracións na materia. Por último, recordou a dobre misión que ten a EGAP de formar aos empregados públicos e de consolidarse como un foro de debate aberto á cidadanía. Nesta liña, invitou a todos os asistentes ao Congreso a participar no curso monográfico sobre Administración, empresa e urbanismo sustentable, que se celebrará os próximos días 30 de novembro e 1 de decembro na sede da EGAP, en Santiago de Compostela. “Este curso proporcionará unha visión ampla dos principais problemas urbanísticos, mediante o debate e a reflexión sobre as súas consecuencias sociais, ambientais, económicas e empresariais”, apuntou.

No acto participaron o alcalde da Coruña, Xulio Xosé Ferreiro Baamonde; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Javier Sanz Larruga; o decano da Facultade de Dereito, José Manuel Busto, e o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito.

O Congreso ´Dereito ambiental para unha economía verde` está organizado pola Rede Ecover, plataforma de colaboración académica integrada por profesores universitarios de distintos puntos de España especializados en Dereito ambiental, e a Universidade da Coruña. O obxectivo deste encontro é presentar os estudos realizados pola Rede durante o ano 2015 e contrastar as súas conclusións e propostas cos asistentes e relatores do Congreso.

Durante dous días, destacados expertos a nivel nacional analizarán dende un punto de vista xurídico as técnicas de intervención administrativa e os instrumentos de mercado destinados a orientar e impulsar aos axentes económicos cara a un comportamento socialmente responsable.